Saturday 11 de May de 2024

Turismo de Galicia achega máis de 45.000 euros para nove bolsas de formación práctica en centros de información e na área de estudos


Os bolseiros veñen de incorporarse aos seus postos, onde permanecerán durante seis meses para perfeccionar os seus coñecementos e habilidades

Turismo de Galicia achega máis de 45.000 euros para a concesión de nove bolsas de formación práctica en diversas áreas do organismo que acaban de ser cubertas para fomentar o perfeccionamento profesional dos titulados, mellorando os seus coñecementos e habilidades.

As prácticas tuteladas teñen unha duración de seis meses e desenvólvense tanto nas oficinas de información turística, con sete bolsas, coma no departamento de Estudos de Investigación da dirección de Competitividade, para onde se ofrecían as dúas bolsas restantes. Neste último caso, o obxectivo é investigar, tratar e analizar os datos do mercado turístico, estando unha das bolsas especializada en turismo e a outra en estatística.

Nas oficinas de información, os bolseiros atenden ao visitante explicándolle os reclamos turísticos de Galicia e resolvendo as súas dúbidas. Neste caso, a distribución das prazas ofertadas realizouse outorgando tres bolsas para Santiago de Compostela, unha delas para o Centro Internacional de Acollida ao peregrino, e cadansúa para A Coruña, Pontevedra, Vigo e Lugo.

A iniciativa responde ao esforzo continuado da Xunta de Galicia na formación dos recursos humanos, neste caso para adaptar as novas demandas ás actuacións dos titulados que inician ou desenvolven a súa actividade no sector turístico.